Chus Pato, Fermín Muguruza, Sabela Hermida ou pontevedrés Germán Labrador estarán tamén entre os 15 relatores/as que achegarán as súas miradas do 10 ao 14 de abril no Teatro Principal de Pontevedra.
A Aula Castelao de Filosofía presentou onte o cartel e a programación completa da que será a XXXIX edición da Semana Galega de Filosofía, ‘Filosofía e Arte”, que se desenvolverá entre os días 10 e 14 de abril no Teatro Principal de Pontevedra. No acto ao que asistiron o presidente, Alexandre Cendón, a secretaria Eva Mouriño e Paula Fernández, ademais de debullar o programa, deuse a coñecer o por que da escolla tanto do cartel como do tema que centrará esta edición.
Filosofía e arte
A elección do tema, Filosofía e Arte, débese ao “interese que nos brinda a arte como dimensión definitoria do ser humano xunto coa linguaxe e o pensamento: é unha actividade simbólica que nos acompaña dende o limiar dos tempos, en paralelo ao pensamento e a linguaxe, as outras expresións simbólicas coas que representamos o mundo e a realidade», explicaron.
Deste modo, a arte ábrenos a unha experiencia estética diferente onde cobra importancia unha senlleira interpretación e representación do mundo humano nos seus diferentes ámbitos: social, persoal, político, cultural, natural… «Interésanos ollar a arte como un medio de expresión do pensamento, mais tamén doutros contidos alén do mesmo como son as emocións e o irracional. A súa eficacia como vehículo de comunicación ás veces mellora a propia palabra. Por iso tamén queremos reflexionar sobre o papel ou a función que ten a arte na nosa sociedade, ora como produtora de ideoloxías, ora como medio de análise e denuncia, ao mesmo tempo que nos preguntamos pola mesma función da artista».
A Semana da Filosofía manterá a estrutura de palestras ás 10 da mañá, con maior carga teórica e contido filosófico, nas tardes a partir das 17 horas con temática centrada no ámbito galego e sesións de noite. ás 20 horas, cun contido máis xeral.
Francisco Jarauta, Miguel Anxo Rodríguez, Patricia Mayayo, Luis Puelles e Andrea Souto encargaránse dos relatorios da mañá.
A arquitecta María Novas, a artista Iria Ribadomar, a actriz e Doutora en Artes Escénicas Sabela Hermida, a poeta ChusPato e o director de Actividades Públicas do Museo Reina Sofía, Germán Rodríguez serán os encargados de centrar o tema no marco da Galiza.
E ás noites, baixo o epígrafe Perspectivas na arte, intervirán o artista visual, Francesc Torres, a ensaísta Remedios Zafra, o músico Fermín Muguruza, o historiados da fotografía e ensaísta Vítor Vaqueiro e o músico e doutor en Filosofía Santiago Auserón.